top of page

Un só "si", un só "non", un "demasiado pronto" ou un "demasiado tarde" fan que ese momento sexa irrevogable para centos de xeracións, determinando a vida dun só individuo, a de todo un pobo e mesmo o destino de toda a humanidade.

 

                                                                                                                        STEFAN ZWEIG, Momentos estelares da humanidade.


En 1927 publicouse un libro de pasaxes noveladas da historia titulado Momentos estelares da humanidade. O seu autor, o escritor austríaco Stefan Zweig, incluíu un prólogo esclarecedor sobre o que se refire á creación dun fito histórico.

Zweig subliña que "cada momento estelar marca un rumbo durante décadas e séculos". Esta idea recolle a esencia desta tese, explicar como unha canción se converteu dende o momento da súa creación nun símbolo identitario dunha nación, perdurando como tal durante máis dun século, ata chegar á actualidade.

Na historia da música galega é difícil, por non dicir imposible, atopar unha canción que iguale o impacto que produciu Unha noite na eira do trigo. Dende o momento da súa composición, na segunda metade do século XIX, ata hoxe, a canción non deixou de estar presente en todo tipo de manifestacións artísticas da cultura galega. Encarna o espírito do emigrante, tanto na Galicia territorial como en calquera lugar do mundo onde chegou a emigración galega. Por iso, debo sinalar que o concepto "Galicia" non debe entenderse unicamente como o territorio peninsular que comprende senón que, nun sentido máis amplo, inclúe tamén aqueles destinos principais de emigración do pobo galego. O presente traballo centrarase en Galicia e na Habana como principal destino da emigración galega.


Froito desta aproximación preliminar, xorde a seguinte pregunta: a que se debe a magnitude transversal que acadou esta canción ao longo da historia? Del emanan un bo número de preguntas como: por que penetrou con tanta forza en tan diversos estratos sociais, escenarios e soportes?, ¿Este éxito débese ao poema e á melodía a partes iguais?, queda algún deles na memoria colectiva con maior intensidade?, por que tanta polémica en canto á súa autoría? Seguindo o ronsel da xénese de Unha noite na eira do trigo, a súa difusión orixinal en Galicia e posterior en Cuba, tentarei aclarar aqueles aspectos polémicos cos que me atopei ao longo da revisión bibliográfica e que permanecen ata hoxe sen unha resposta convincente.


Algo que amosou esta canción ao longo da súa existencia é unha inmensa capacidade de adaptación a unha multitude de contextos diferentes. Por iso, e dado que pertence en boa medida ao ámbito da sociolingüística, considerei pertinente introducir neste traballo o enfoque co que se tratan as variedades nesta disciplina: diastráticas, relacionadas cos distintos estratos sociais; diafásicas, evidenciadas pola súa capacidade de adaptación a diferentes rexistros; diatópicas, referidas aos distintos lugares nos que se manifesta; e diacrónicas, diferentes realizacións segundo o momento histórico.


En canto ás primeiras, diastráticas, é difícil atopar unha canción que, difundida no ámbito popular, soubera adaptarse con tanta labilidade a rexistros cultos ou académicos. No tocante ás variantes diafásicas, esta canción tivo capacidade suficiente para triunfar tanto na voz dun cantante de romaxe, como na da tiple máis reputada dos principais teatros da Habana e Nova York dos anos 20 do século pasado.


En canto ás diatópicas, que canción –galega– anterior á industria discográfica mostrou unha capacidade de enraizamento similar a ambos os dous lados do Atlántico? No tocante ás variantes diacrónicas, dende 1869 ata a actualidade, as modas foron cambiando, pero a canción foi capaz de adaptarse e sobreviviu.
Todo o anterior evidencia a capacidade camaleónica, ecuménica, dunha canción que, dende os primeiros momentos da súa existencia, soubo perdurar máis aló do contexto, do lugar e do tempo, converténdose no himno non oficial da galeguidade.

*Resumo / Extracto da Tese Doutoral: Santamaría Cadaval, E. De Cántiga a La Galleguita. A viaxe de ida e volta da canción Unha noite na eira do trigo.UCM: Madrid, 2021, pp. 9-10.

... axudarán todos os emigrantes galegos, que poden ser os que saborearon con máis intensidade as composicións sentimentais...

Airiños d'a miña terra. Revista decenal ilustrada. A Habana (20-05-1909), p. 2.

bottom of page